Saturday 20 de April de 2024

O Chanfaina Lab 2022 xa ten datas: 1, 2, 3 e 4 de setembro


O Concello de San Sadurniño recupera o programa que tiña preparado para 2020, cando o encontro audiovisual tivo que suspenderse por causa da pandemia

A cita presentouse este domingo cadrando coa preestrea da curta “Devoradora de nenos”, producida con apoio municipal

A Casa da Cultura acolleu na tarde deste domingo a preestrea da curtametraxe “Devoradora de nenos”, dirixida por Fran X. Rodríguez partindo dun guión feito man a man por Marcos Nine e Martiño Vázquez, que tamén é produtor dun filme que contou con apoio do Concello de San Sadurniño. Na sesión proxectáronse outras pezas resultado da colaboración de Vázquez e Rodríguez, como a multipremiada “Beautiful Boy” e o “Limiar” co que ambos participaron no sexto Chanfaina Lab, o último que deu tempo a organizar antes da irrupción da pandemia. Agora que as cousas pintan algo mellor, o Concello xa anda cos preparativos da sétima edición, que se desenvolverá na primeira fin de semana de setembro… sempre e cando, claro está, a situación sanitaria o permita.

O calendario do VII Chanfaina Lab mantense invariable como nos anteriores encontros, citando para os días 1, 2, 3 e 4 de setembro de 2022 a cineastas locais e nomes de fóra de San Sadurniño co obxectivo de que compartan a experiencia de crear nunha fin de semana unha peza audiovisual de temática libre pero que represente dalgún xeito a paisaxe física e/ou humana de San Sadurniño.

Iso é en esencia o Chanfaina Lab, unha xuntanza de aprendizaxe e colaboración mutua da que levan saído desde 2014 un total de 125 curtametraxes documentais, dramáticas, humorísticas, experimentais… algunhas delas premiadas logo en festivais de ámbito estatal e internacional.

A intención da organización é que este ano volvan participar nomes da casa que xa son fixos: as mulleres de Teño unha horta en San Sadurniño, Fran da Lobeira, Ángela e Eloy Arnosa, Kevin Lorenzo, o grupo Naraiomedia Estudios, o colectivo ConcienciArte, Bieito Beceiro, Noelia Uceira, Irene Beceiro, André Couce, Catalina Rodríguez e o seu irmán Jaime, Pablo Martínez, Abel Vega, Roberto Bouzas, The Sun Girls, Javier Seoane (que non é de aquí, pero como se fose) e toda a xente que queira sumarse á convocatoria, xa sexa facendo a súa propia peza ou botando unha man nas outras producións, sobre todo nas que vaian levar a cabo as convidadas e convidados de fóra.

Neste sentido o Chanfaina botará a andar de novo desde o punto no que quedou en 2020, cando a pandemia obrigou a suspendelo a escasas tres semanas da súa celebración. De aí que se recupere o cartel -deseñado por Carlos García-, o obradoiro de montaxe que impartirá Fran X. Rodríguez e tamén a maior parte dos nomes do audiovisual galego que xa confirmaran daquela a súa asistencia, entre eles a videopoeta Celia Parra, o documentalista Domingo Díaz, o director Alberto Gracia -que nestes intres filma en Ferrol a longametraxe “La Parra”-, a cineasta viguesa Andrea Zapata-Girau, Iria Silvosa (integrante do proxecto NUMAX) ou Xavier Villaverde, un dos catro directores -xunto con Chano Piñeiro, Alfredo García Pinal e Carlos A. López Piñeiro- cos que naceu o cine galego moderno, dacabalo entre os anos 80 e 90 do século pasado.

“Limiar”, “Beautiful Boy” e “Devoradora de nenos”
Foron o alcalde, Secundino García, e o ideólogo do Chanfaina, Manolo González, quen avanzaron o programa do encontro audiovisual, confiando ambos en que a situación sanitaria permita levalo a cabo tal e como está previsto.

A presentación fíxose despois de visionar na Casa da Cultura tres curtas que, salvo nunha, xorden da colaboración dun triunvirato chamado a facer grandes cousas no e polo noso audiovisual. Falamos do director Fran X. Rodríguez, do produtor Martiño Vázquez e do guionista Marcos Nine.

Rodríguez e Vázquez asinaron no sexto Chanfaina Lab (2019-20) a curtametraxe “Limiar” cando aínda non remataran os éxitos colleitados por “Beautiful Boy” (2018), dirixida polo primeiro, producida polo segundo e con Nine dándolle forma ao guión . Os tres volveron xuntarse, rodeados do melloriño do noso audiovisual, para sacar adiante “Devoradora de nenos”. Tres historias breves que funcionan ante o público de maneira independente, pero que comparten a constante da comedia negra e a de tratar, cada unha ao seu xeito, distintos aspectos sobre o sentido da vida.

Así, “Limiar” fálanos desa roda que vira constantemente sen que o individuo poida fuxir dela. “Beautiful Boy” remexe na crise existencial dun “neno bonito” próximo á corentena que argalla unha maneira estrambótica de conseguir que o seu legado perviva. Acaba lográndoo, pero non como el pensaba nin tampouco como desexaría.

A terceira curta, “Devoradora de nenos”, que contou con apoio do Concello de San Sadurniño, é a historia dunha arela infantil truncada por un incidente fortuito que acaba convertendo o seu protagonista en vítima do acoso escolar e abocándoo a un fracaso vital que, porén, non lle impedirá cumprir de adulto o seu maior soño.

A curta -que inicia agora o seu percorrido por festivais- é unha delicadeza polo traballo actoral de Santi Prego, secundado por Sergio Pazos, Xaquín Domínguez, o propio Martiño Vázquez, Chus Álvarez e varias nenas e nenos que, agás o que interpreta o papel principal, en certas escenas nos recordan aos protagonistas de clásicos como “Village of the damned” ou “¿Quién puede matar a un niño?”.

Chama a atención tamén a súa dirección de arte, cunha espectacular cápsula espacial con regusto steampunk -aínda que incorpore condensador de fluxo- construída por Óscar Lema e Daniel Carreira (Dinamic Atrezzo) na Mariña luguesa, escenario da maioría das localizacións.

Todo para armar con medios xustiños pero con moita imaxinación e profesionalidade unha historia e un ambiente de grande produción que reivindica a curtametraxe como formato con entidade e percorrido de seu, e non como “irmán pobre da longametraxe”, tal e como deixaron patente onte en San Sadurniño Martiño Vázquez e Fran X. Rodríguez.